La Coctelera

Literatura de Alexander Vórtice

Escritor de minorías

20 Abril 2006

"Café con leite" (relato)

Eu lera unha historia feliz, unha desas historias de amor con corazóns e frechas, beixos e ideais..., cousas desas. Non sei se me gustou dabondo. Non sei. Quizáis fora demasiado doce para min, e o certo é que, pensándoo mellor, ata diría que era unha historia ridícula e artificial. Pero o caso é que despois de lela pensei en ti. Non me preguntes o por qué, nin sequera me rifes por ter pensado en ti a estas alturas, pero as cousas son o que son, e eu, pobre mortal, non dou controlado todos os meus pensamentos Disque isto pasa cando estás moi namorado; disque non é bo, que amar á muller de outro é algo inaceptable. Pero, ¿qué lle vou facer? Eu teño soños, e nai solteira, e luces de cores vitais no corazón, e catro pesos no peto. Non sei. Que te desexo, que non te desexo, que te bico, que non te podo bicar... O que eu digo: unha loucura. Pero aínda hai quen di que teño dereito a amarte. ¿Un louco? ¿Un paspán? Hai quen di que teño dereito a pensar en ti sempre que queira, e a espirte co pensamento, e a bicarte con alcumes saídos do vento do norte, sen medo á morte ou a calquera tipo de andrómenas. Hai quen di... ben, supoño que son cousas inaceptables, cousas sen senso. As veces, na taberna do Abel, pido un café con leite e pregúntome se vai durar moito isto do amor. As veces son tan estúpido como para creer que chegará un día no que sexas miña, que serás dos meus pensamentos de cervexa, que formarás parte do meu esnaquizado mundo interior, mundo caracterizado polas cinzas e a esperanza dun mundo mellor. E remobo o café con leite. E non quero pensar máis en ti. E leo o xornal de hai dous días, pero non desexo pensar en ti, nunca máis en ti. E o corazón que me bate con forza. E eu que non te quero, que non te teño presente, que nin sequera te coñezo. Miña nai soía dicir que este tipo de cousas pasan case sempre. Que cando se namorou do meu pai tamén tivo que sufrir e chorar, tivo que axeonllarse ante os seus sentimentos e fitar o seu rostro nun espello a piques de escachar. ¿Sabes? Quizáis isto non sexa amor. Seguramente isto do amor non sexa máis ca unha parvada, e quizáis os teus ollos non sexan estrelas de Nadal ou os faros dun auto que se dirixe a un lugar de ledicia. Non sei, quizais isto sexa todo: que non sei nada, e que nada sei, e nada penso, e nada podo, e nada sinto. Seica naquela historia había un reino e unha princesa. ¿Qué me vas dicir a min? Tamén había un príncipe con teléfono móvil último modelo e tarxeta Visa ouro con dereito a todo. Disque el falaba con ela e que ela sorría ao escoitar as súas palabras tan cheas de vida. Tamén se namoraron, e casaron, e tiveron fillos, e sairon pola noite a tomar algo nun coñecido café-concerto do reino.

E eu amando. Corazón. Loucura. Anxo. Amando... E suspirando mentres morre o sol, alá, entre aquelas dúas montañas verdes coma os teus desexos nunha belida tarde de verán, coma eses ollos que me firen cando lle dou o derradeiro sorbo a este café con leite, café con minutos dun reloxo anterior a todo o imaxinable. Disque se namoraron. Si. Vaia loucura o asunto do amor nestes tempos. Co ben que estarían os dous nos seus respectivos palacios vendo pola tele o último show dese coñecido pallaso do que todos nos soemos rir para ir perdendo o tempo aos poucos. Pero non, eles loitaron polo seu, e bicáronse. Sempre se bican, coma nos filmes dos anos sesenta. E sempre se din cousas bonitas como “miña flor de outono”, ou, “sinto que hoxe non te poida ver, pero é que teño unha xuntanza en Marrocos, e xa sabes, amor.” E eu eiquí: submerxido nun mundo de soños e lembranzas, ferido polo que non teño, viaxando cuns sentimentos difíciles de soster polas mans da realidade. ¿Sabes? O certo é que estou seguro de que me esquecerei de ti. Onte recordo que o fixen, e hoxe tamén o farei, e mañá..., mañá Deus dirá, se é que o quere dicir. Porque isto do amor éche algo absurdo de máis: que te amo, que non te amo, que te teño, que non te teño... Difícil de máis. E o Abel que me enche a taciña de café quente e leite frío, e eu que leo outra historia feliz, ao tempo que os anxos sorrín por algo que ten gracia, e os demos sorrín por todo iso que nos fai chorar.

servido por alexandervortice 1 comentario compártelo

1 comentario · Escribe aquí tu comentario

Cristina

Cristina dijo

Me ha gustado mucho.

7 Julio 2009 | 02:20 AM

Escribe tu comentario


Sobre mí

Avatar de alexandervortice

Literatura de Alexander Vórtice

ver perfil »
contacto »
NOTA BIOGRÁFICA (informal): Fue a finales de los años 70 –creo- que nací y me mostré al mundo, o el mundo se mostró a mí, ¿quién sabe? Obras publicadas: “Destilería Ocaso”, (año 2004), y tiempo después, “Neurosis Tremens” (año 2005). Más tarde colaboré en el anuario "Galicia Selecta" (año 2008) Hoy por hoy, aún me atrevo a escribir..., lo siento.

Enlaces

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera